sábado, 25 de xullo de 2015

POLA UNIDADE NACIONAL GALEGA 
(Manifesto lido na Praza da Quintana de Santiago de Compostela o Día da Patria de 2015)

Esta praza está chea de voces. Quintana de vivos e Quintana de mortos, chámase. Están as voces dos que vimos aquí a celebrar coa alegría da liberdade este día. Tamén están os ecos das voces dos que viviron antes e nos lembran quen somos. Escoitade esas voces que din

“Galicia, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vaise levantar da súa humillación e abatemento.”

Son voces nosas, voces da rebeldía fronte a opresión e o espolio, o eco da Xunta Revolucionaria de Galicia hai cento sesenta anos, en 1846. Dez anos despois de que a coroa borbónica esnaquizase o Reino da Galiza, o Antolín Faraldo e os demais dirixentes da Revolución Galega de 1846 fixeron este chamamento á poboación para erguer unha nación libre de homes e mulleres libres.

Esa revolta democrática rematou traxicamente a cento cincuenta metros cara o Norte desta praza, cando o exército liberador foi cercado en San Martiño Pinario e finalmente rendido e fusilado camiño da Coruña, no lugar de Carral. Hoxe, cento setenta anos despois, facemos nosas esas palabras e repetímolas como nosas.

Tamén a cincocentos metros cara o Este desta mesma praza, no convento de Santo Agostiño estaba o Liceo de la Juventud, alí Rosalía recolleu aquela semente democrática, o orgullo de galega e a rebeldía e o sentido da xustiza que lle fixo denunciar a dependencia e a marxinación do noso país: “E sófrese tanto nesta querida terra galega! Libros enteiros puideran escribirse falando do eterno infortunio que aflixe aos nosos aldeáns e mariñeiros, soa e verdadeira xente do traballo no noso país.”
Xente do traballo como a xente que encheu esta praza hai dez días para defender o dereito a vivir da gandaría, xente da nosa nación.

Daquela esta praza viuse chea de dignidade campesiña, viñeron a este lugar a reclamar o dereito a producir leite, leite que teñen que verter por unha política perversa que padecen. Reclaman un dereito que lle é negado por políticas inxustas impostas desde Bruxelas e desde Madrid e pola cobiza sen límites dunha industria sen sentido de país e, o peor, amparada por un goberno da Xunta incompetente ou cómplice. Os seus problemas non son só seus, son tamén nosos, son problemas da nosa nación. Diso falamos cando falamos de nación porque non hai nación sen solidariedade e sen unidade.

Mais esas persoas non só traían a súa reclamación urxente, tamén nos traían a lembranza do tesouro que foi e pode aínda ser o noso campo. Fixéronnos o recordatorio do vello soño de Castelao e o galeguismo republicano dun país próspero cunha agricultura e unha pesca que dan pé a un sector industrial. Onde vai ese soño! Onde vai ese noso tesouro! Unha de tantas cousas que fomos perdendo e que temos que recuperar.

E aquí estamos nun novo 25 de Xullo, Día da Patria Galega, como lle chamaron os nosos devanceiros do Partido Galeguista e como recuperaron os nacionalistas galegos desde o ano 1968, o día da nosa nación.

Van ser os cen anos da fundación das Irmandades da Fala, un estoupido cívico e modernizador e nós, fillos e fillas do noso tempo, continuamos ese labor de construír e erguer a nación. “A patria érguese no territorio da intimidade, na nación do sentimento colectivo”, así pensaba o Manuel María. Así sentimos nós, unimos os nosos sentimentos cunha razón colectiva. Unha conciencia colectiva nacida libremente de cada un de nós.

Galiza patria, Galiza matria. A ilusión de vivirmos libremente como nós decidamos e coa mesma dignidade que calquera outra xente. O que está a encher esta praza é un río de orgullo. Non somos catro provincias rendidas e sometidas a unha corte madrileña insaciábel, somos orgullo galego puro e sen volta.

Con ese orgullo galego dicimos que nós non aceptamos que se nos trate como estranxeiros na nosa propia terra. Dicimos que non aceptamos que as nosas palabras, a nosa lingua, sexa tratada como estranxeira no seu propio país. Con ese orgullo opoñémonos aos recortes na política de normalización lingüística e denunciamos a un goberno da Xunta que, por primeira vez, lexislou contra a lingua propia do país. Denunciamos traizón.

E polo mesmo saudamos a iniciativa da Mesa de Normalización Lingüística que hai dez días conseguiu unir forzas para protexer o noso idioma, celebramos a unidade en torno dunha causa de pura supervivencia. O seu éxito vai ser o éxito da unidade nas cousas máis elementais que nos son comúns.

Conciencia de nación que nos fai saber que os problemas de cada un de nós, de cada unha de nós son problemas de todos e unidade é o que precisamos para defendernos dunha marxinación sostida a través de séculos e de décadas recentemente.

Falamos deses gandeiros e falamos tamén dos mariñeiros que padecen as consecuencias de gobernos incompetentes que os teñen desatendidos. Falamos de nación cando facemos nosa a situación das persoas desempregadas e sen cobertura de ningún tipo. Cando denunciamos a desaparición das axudas a persoas dependentes, cando facemos noso o drama das persoas desafiuzadas por unha banca insaciábel, toda esa política cruel dun goberno español e un goberno da Xunta sen corazón.
Facemos nación cando estamos coas persoas estafadas por eses bancos protexidos polo Goberno. Cando estamos cos emigrantes retornados que, de volta na súa terra son saqueados pola facenda española.

Falamos de nación cando denunciamos como se nos rouba o dereito á educación pública, laica e na nosa lingua. Nunca se maltratou tanto o ensino público en tan pouco tempo.

Falamos de unidade nacional se nos rebelamos cando se nos rouban hospitais, camas, atención médica, cando vemos como nos rouban cachos de sanidade pública diante da nosa cara.
Para nós patria e nación é defender todo o que é público contra as privatizacións que son puro espolio do que é de todos.

E reclamamos para a nación a toda esa mocidade exiliada, mozos e mozas a quen se lles nega o dereito a vivir na súa terra. Unha terra que ten recursos abondos e capacidades para alimentalos e permitirlles unha vida digna e que non pode facelo por un sometemento a intereses alleos e contrarios aos nosos. Ignorando alevosamente o devalo demográfico coma se fose un simple fenómeno meteorolóxico e non unha despreocupación culpábel por favorecer o desenvolvemento económico e social do pobo galego.

E construímos nación cando nos negamos ao recorte de dereitos gañados polas mulleres tras séculos de sometemento, esas mulleres que Rosalía nomeou: “as innumerábeis coitas das nosas mulleres(...) No campo compartindo metade con metade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos, as arideces da pobreza. Soas o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sen axuda para mal manterse, para manter os seus fillos e, quizais, o pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca repouso senón na tumba.” Cambian as circunstancias mais non cambia completamente o destino duro de nacer sendo muller. Sendo a metade de nós, a metade do mundo.

Esta cidadanía activa,o que está aquí hoxe nesta praza é unha parte do que se estende ao longo do ano polo país adiante, é a semente e tamén o nervio vivo da nosa sociedade.

Aquí non hai submisión, aquí hai galeguidade, un pobo en pé. Orgullo de sermos quen somos, nin mellores nin peores: somos nós. Un nós aberto ao mundo, solidario coas persoas humilladas e explotadas, cos pobos negados e sometidos. E construímos unha nación entre todos e todas porque queremos, libremente eliximos gozar dunha identidade. E convidamos a quen o desexe a partillar a alegría de sermos nós.

Temos unha historia, unha lingua, unha cultura é certo, temos unha identidade que nos ven dada e, sobre todo, temos a vontade de vivir a través dela adaptándoa ao noso tempo. Non queremos ser provincianos colonizados, somos o pobo galego.

As persoas que estamos aquí a celebrar o Día da Patria Galega, e moitos outros concidadáns e concidadás polo país adiante, estamos unidas na resistencia, na insistencia e na teimosía.
É certo, non renunciamos a nada do que nos aprenderon a amar os nosos maiores, non renunciamos ao soño dun país libre de persoas libres. Como Castelao no seu exilio americano presidindo un goberno sen poderes e, así e todo, encarnando a resistencia, así somos nós: non renunciamos á nación galega.

Mais hoxe vimos a anunciar que non só resistimos e resistiremos, tamén imos gañar o recoñecemento nacional que se nos nega desde unha corte cada vez máis centralista, que leva de aquí os nosos aforros, a nosa xuventude, as nosas riquezas, o noso futuro e até quere que emigren os nosos votos.
O noso país ten por diante un novo desafío histórico,  ninguén dubide que a Galiza será capaz a reclamar soberanía e recoñecemento nacional. Galicia precisa existir politicamente con forza e voz soberana aí nese momento.

Máis que nunca é un día para confluír nunha ampla unidade cívica que mostre a nosa capacidade colectiva.Lembremos a nosa historia recente, lembremos como todo o país soubo facer fronte a unha catástrofe provocada por un Goberno que se desentendía dela. Naquela altura a sociedade galega demostrou disposición e capacidade para organizarse e afrontar o desafío. Demostramos ser unha nación capaz de existir por ela mesma. Así é como somos nós e así defendemos o noso país. Luxados, desprezados e humillados, nunca máis!

Esta é unha praza chea da dignidade do pobo galego, somos cidadanía democrática e orgullosa. Cada un de nós acudiu porque quixo, ninguén nos obrigou, este día construímolo entre todos e todas.
Porén, non habería este hoxe aquí, como non habería nada con que nos defender das políticas que nos prexudican se non houbese organizacións políticas, sindicais, culturais, sociais..., galegas. 

Precisámolas, son un dos nosos bens máis preciosos, sen organizacións propias non existiría o pobo galego. Precisámolas para que nos representen e expresen en toda parte, para que o sigan a facer nunhas cortes españolas que nos negan nacionalmente, nun parlamento europeo que está nas mans de especuladores, e sobre todo no parlamento galego.

Sumados somos unha maioría na sociedade, precisamos fraguar tamén unha maioría política que defenda os nosos intereses. As divisións nos debilitan e nos encamiñan á insignificancia, mentres a unión multiplica as nosas forzas para procurarmos as ferramentas necesarias que nos permitan decidir que queremos ser, que nos posibiliten a construción dun futuro de luz que levante as hipotecas que ameazan aos nosos fillos e fillas.

No final a cousa é clara e escribiuna hai moito tempo o noso poeta Curros Enríquez para agora e para nós no seu poema “Pola unión!”

“Galegos que me escoitades,
galegos que a verme vides
hoxe de aquí non saídes
sen facer as amizades!.
Das nosas debilidades
o diaño non se ha de rir.
Vámonos todos a unir,
matando rencores cegos;
que na unión dos bos galegos

está da patria o porvir!”