domingo, 23 de agosto de 2015

DECLARACIÓN DE CONXO


Reunidas este domingo 23 de agosto en Conxo, no mesmo lugar onde o 2 de marzo de 1856 se celebrou o máis transcendental acto de irmandade da historia recente de Galicia, todas persoas conscientes a título individual, pertencentes a redes (municipais, culturais, deportivas, cidadáns, veciñais, sindicais....), asinantes de diversos chamados coincidentes, militantes de forzas políticas de moi distinta caste organizativa estamos dispostas a apoiar e contribuír á realización dunha alternativa galega de base cidadá. Sabemos que non somos as únicas, porque moitas outras son as iniciativas, os chamados, por iso nós queremos contribuír e así manifestamos:

- As vindeiras eleccións xerais abren un horizonte de esperanza para a causa dos pobos e das clases populares. Nese contexto, Galiza debe estar presente, e ser actor relevante no escenario que poda abrirse no Estado español. O momento político descobre novas posibilidades para o recoñecemento dos dereitos das nacións, que o noso País non pode desaproveitar.

-Coincidimos na situación de emerxencia social que padece a inmensa maioría da sociedade galega a pesar das súas potencialidades económicas, ambientais e socioeconómicas: a situación límite dos nosos sectores produtivos; a precariedade laboral, especialmente entre a mocidade, e a reiteración da problemática migratoria e demográfica; a especialmente negativa situación dos dereitos das mulleres galegas.

-Fronte a isto, temos que erguer a dignidade do pobo galego, da cidadanía democrática e orgullosa deste País. Precisamos máis que nunca unha ampla unidade cívica que mostre a nosa capacidade colectiva e que permita fraguar tamén unha maioría política que defenda os nosos intereses. O noso país ten por diante un desafío histórico e que ninguén dubide de que Galicia será capaz de reclamar soberanía e recoñecemento nacional. Galiza precisa existir politicamente con forza e voz soberana aí nese momento.

Que toda aquela persoa que se sinta concernida, que todos eses movementos, colectivos e partidos poidamos ter a oportunidade de establecer en común as bases cuns principios mínimos de democracia de base e transparencia, para:

  • A construción dun grande movemento social, cívico e participativo que culmine coa conformación dunha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais, en que conflúan persoas, colectivos socias e forzas políticas segundo o principio democrático de cada persoa un voto.

  • Propor, por tanto, unha candidatura galega de unidade que non teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega. Para iso, debe posuír personalidade xurídica propia, en coherencia co suxeito político diferenciado -pobo galego- que representa.

  • Unha candidatura para a consecución dun grupo parlamentario galego soberano nas Cortes que defenda o dereito radical democrático de Galicia a decidir e o combate contra as políticas neoliberais e reaccionarias que están a minar os dereitos e as condicións de vida do común da xente.



A Coordinadora elixida na Asemblea é a seguinte:

Antía Paz, Alejandro Lorenzo, Sara Torreiro, Carlos Ares, Olalla Rodil, Suso Díaz, Paula Verao, Eliseo Fernández, Elvira Souto, Iago Lestegás, Ana Luis Bouza, Xavier Campos, Xosé Manuel Pereiro, Helena Pérez, Fernando Souto, Carlos Méixome.