23 de Agosto: BANQUETE DE CONXO 2.0

Non imos agardar máis: Por un Banquete de Conxo 2.0


Unha idea percorre Galicia: A necesidade dun movemento cívico que erga unha alternativa política e electoral á sen razón que nos goberna e ao monstro que devora o noso futuro. Non fai falta describilo nin debullar o rosario das súas infamias. Son patentes e cadaquén sabe a súa.

O primeiro sopro de aire foi a celebración do 25 de Xullo, Día Nacional de Galicia, Día da Patria Galega, onde se clamou pola unidade deste pobo para facer posible o soño que alí se albiscaba: xunt@s.

Na sociedade galega xa hai tecidas redes (municipalistas, culturais, deportivas, veciñais, sindicais....) e tamén hai proxectos que nos últimos días teñen coincidido en reclamar accións encamiñadas á creación dunha alternativa galega de base cidadá. Mesmo forzas políticas de moi distinta caste organizativa, partidos e mareas, mostran a súa predisposición a apoiar e contribuír á realización desa alternativa.

Para iso convocámosvos a tod@s a xuntar os alentos e mostralos ao resto do país o domingo 23 de agosto ás 12,00 en Conxo, no mesmo lugar onde o 2 de marzo de 1856 se celebrou o máis transcendental acto de irmandade da historia recente de Galicia.

En Conxo, nese Banquete de Conxo 2.0 toda aquela persoa que se sinta concernida e todos eses movementos e todos os colectivos podemos ter a oportunidade para establecer as bases de funcionamento que conteñan uns principios mínimos de democracia de base e transparencia.

Cuns obxectivos claros: A construción dun movemento cívico de sensibilidades plurais que teña como fin inmediato elaborar unha candidatura que logre que os intereses da inmensa maioría da sociedade galega estean representados nas próximas Cortes do Estado. Unha candidatura que non teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega e que mesmo sirva para alentar a construción dun suxeito político que constitúa unha alternativa á inanidade e a desafección que desgoberna Galicia. Un movemento que non se deteña no aspecto electoral, senón que paralela e posteriormente posibilite unha correntada de conciencia colectiva que o acompañe e o sustente, que poida abrir a porta a novas solucións para a xestión soberana do noso futuro colectivo.

E cun compromiso: o de promover e organizar reunións e asembleas nos distintos puntos e ámbitos do país.

Pasou o momento de limitarse a debater en facebook, nos grupos de correos ou nos comentarios das novas. Fagámolo nas rúas e nas prazas.

Falar é bo. Xuntarse é necesario. Organizarse é imprescindible.


A Comisión Cidadá pola Unidade do 25 de Xullo                                  Galicia, 7 de agosto de 2015